A memoria falada de Celso Emilio Ferreiro

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha imaxe do escritor Celso Emilio Ferreiro tomada no parque Isabel la Católica de Xixón no ano 1975.
Unha imaxe do escritor Celso Emilio Ferreiro tomada no parque Isabel la Católica de Xixón no ano 1975.

Tres rexistros sonoros coa voz do poeta celanovés achegan claves sobre a súa figura e a súa vida

14 abr 2023 . Actualizado a las 23:01 h.

O Consello da Cultura Galega (CCG) prosegue o seu traballo de recuperación da memoria de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979), unha das figuras máis sobresaíntes do nacionalismo galego, tanto en termos políticos como culturais, recorda a institución. O poeta ourensán protagoniza unha nova entrega de Voces centenarias, o proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), ao incorporar tres audios que permiten repasar, da man do propio autor, a súa traxectoria poética e vital ou escoitar as súas reivindicacións a prol da lingua.

Celso Emilio Ferreiro é sinónimo de galeguismo e de xustiza social no imaxinario colectivo dunha parte da poboación galega da Transición. «No eido político, as súas contribucións ao nacionalismo galego tradúcense na fundación de diversas organizacións, como as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova en 1932 ou o partido Unión do Povo Galego en 1964. Na escritura, empregou a súa obra poética, arraigada na herdanza literaria de Curros Enríquez, e a súa intensa actividade xornalística como canles de denuncia política», subliña o CCG.

O primeiro dos audios corresponde a unha entrevista que Ferreiro lle concedeu a Beatriz Pécker en maio de 1979 na sede de Radio Nacional de España (RNE), en Madrid. Nela, repasa a súa traxectoria vital, centrándose no seu percorrido poético. Así, fala do emprego do galego e o castelán na súa obra, da pegada do exilio ou da súa poesía social. Malia que o documento sonoro non está completo, dá cumprida imaxe do espazo literario do escritor.

A segunda peza, da cal se descoñece a data de emisión, pertence á etapa en que Celso Emilio viviu en Caracas (1966-1973). Motivado pola súa activa militancia política e cultural nacionalista, que foi a que o impulsou cara ao exilio voluntario, enviou a mensaxe que se pode escoitar nesta gravación para reivindicar a lingua galega e a poboación de Galicia como etnia sociocultural diferenciada. O corte pertence ao fondo de RNE que custodia o ASG.

A terceira forma parte do capítulo América e o desengano da emigración, rexistrado en 1978-1979 e pertencente ao audiolibro Celso Emilio Ferreiro. Escolma de entrevistas realizadas por Xosé Antonio Perozo e María Xosé Porteiro, publicado polo ASG en 1996. Nel, o poeta detalla con amargura cales son as súas responsabilidades na Hermandad Gallega de Venezuela e no Padroado da Cultura Galega, ao tempo que dá conta de como as súas actividades nacionalistas non son comprendidas pola comunidade galega emigrada.