«Radiante», o retorno de Manuel Darriba á poesía

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O xornalista e escritor Manuel Darriba, nunha fotografía de arquivo.
O xornalista e escritor Manuel Darriba, nunha fotografía de arquivo. Alberto López

O escritor lugués serve unha obra conceptual dura e sen concesións

31 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Arriba o gris das nubes naufraga / no gris máis abstraído do ceo / os bosques das marxes da estrada / latexan coma seres furtivos / toros rectos fan feixes de lanzas / a cortiza que de vella vira a roxo / as corgas saberán esquivar / os lumes das últimas vidas / mentres nos ollos das vacas esvaran / as barcas carretando o entullo do tempo».

Xa quedara clara a cerna lírica do narrador (consolidado e orixinal) con poemarios como Vostede non sabe con quen está a falar, premio Espiral Maior no 2005; Os indios deixaron os verdes prados, que merecera o González Garcés cinco anos despois; e o derradeiro, Santa morte (2019). O escritor lugués Manuel Darriba (Sarria, 1973) retorna agora á poesía con Radiante, unha obra «fortemente conceptual», apunta a editora compostelá Chan da Pólvora: un libro que lle ocupou os últimos catro anos e que, pese a aparencia festiva do seu título e a súa portada, foi escrito nunha etapa vital que el mesmo non dubida en cualificar de «especialmente dura, chea de dores e de incertezas»; un libro que, nese sentido, malia o verso, non se despega da realidade infausta que o rodea, quizais nunha persoal pero involuntaria apelación ás raíces de Darriba, ben amarradas no territorio da prensa escrita.

Deste xeito, a súa mirada, como lle ocorre a miúdo na prosa —no é cousa disparatada tirar deste poemario certas conexións coa súa última novela, A realidade (2021)—, ten unha carga política intrínseca notable coa que encara criticamente as desastrosas —e desequilibradas— interaccións entre o poder —non só o político, tamén o capitalista—, a sociedade e o individuo, pero tamén indaga o seu decurso máis íntimo. Aí, abrolla a reflexión sobre os intricados camiños da vida e da creación artística.

A luz coa que brilla este poemario non é un canto aberto nin unha celebración, é só unha emisión bretemosa e toldada que matiza —ou dilúe— a textura das ideas e as palabras, que están aquí traballadas con man máis de escultor que de escritor, confesa Darriba, que quere evitar calquera prevención do lector ante a posible dificultade do poema: «Toda peza de arte acabada é unha estación de destino cunha viaxe moi longa. A poesía pode ser complexa, pero nunca o é tanto como a vida».

Autor de novelas tan significativas como O bosque é grande e profundo (2013), traballou como guionista en programas televisivos e series populares como Land Rober Tunai Show e Serramoura, Darriba, co seu humanismo moral e a súa conciencia crítica, sempre tenta, na súa narrativa e nos seus versos, ir alén da superficie, profundar nos misterios da vida e viaxar alén dos enganos que manteñen a sociedade inmersa nun lene estado de submisión.

Radiante forma parte dun lanzamento de cinco títulos cos que Chan da Pólvora quere encher o outono de poesía e que se completa con obras de Marta Dacosta, Lupe Gómez, Mercedes Martínez Modroño e Iago González.