Val. Madrid. Xaneiro do 2015

CULTURA

Último capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales

31 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O número marcado está apagado ou fóra de cobertura. Esa era a única resposta que obtiña cada vez que chamaba ao teléfono de Martín. E, aínda así, adoitaba marcar o seu número, mantendo a esperanza de que algún día contestase. Ás veces, faláballe. Como se estivesen nos xardíns da clínica Barver. Como cando entraba no seu despacho a calquera hora do día e apoiaba os cóbados no seu escritorio, coa a única intención de falar de parvadas. E contáballe mil cousas. El sempre fora o único capaz de entendela. Lía nela. Coñecía os mecanismos ocultos da súa mente. Por esa mesma razón sabía que non a ía perdoar. Nin sequera apareceu polo funeral de Emilia, a pesar de que o buscara infrutuosamente entre os bancos da igrexa.

E por iso o seguía chamando. Acostumouse a falar con esa máquina. Perdóame, Martín. Perdóame, repetía, unha e outra vez, aínda que case podía escoitar o eco da súa negativa.

Nin sequera estaba enfadado cando a deixou. Tan só resignado. Planificouno con tempo. Tivera nela unha grande mestra. Arranxou o departamento xurídico. Non deixou asuntos pendentes. Encargouse de que Tamara recibise os seus cartos e de que non houbese nin para ela, nin para Emilia, responsabilidades penais ou fiscais. Tamén se encargou de manexar a información nos medios. Val declarou á porta do cárcere e con bágoas nos ollos que só se acusara para protexer ao seu fillo da prensa, temerosa de que ninguén crera na súa versión dos feitos. Emilia morreu tranquila, sabendo que xa ninguén dubidaba que Roi era un Wagner. O que o mundo pensase dela, pouco lle importaba.

Soubo que el se iría antes de ler a carta de renuncia.

-É porque matei un home? -preguntáralle ela.

-Estás a perder facultades, Val. Antes eras capaz de adiviñar todo o que pensaba. Cres que me importa algo que foras quen de matar a ese tipo? Eu teríao matado por ti, se mo tiveses pedido. Igual que amañei esa pantomima de xuízo. Igual que mentín e falseei documentos. Por ti.

-É por Roque. Eu xa?

-Ti xa non o queres. Non te esforces Val, xa o sei. Non fai falla que mo expliques. Pode incluso que nunca o quixeras. Agora que te decataches, seguramente serás máis feliz. O que non che perdoo e que me mentises durante nove anos. Porque me mentiches.

-Eu nunca?

-Mentíchesme, levantando a sombra de Matías entre nós. Iso non foi o que acordaramos. Isto non funcionaba así. Eramos un equipo, pero tiven que adiviñalo todo eu só. Tampouco foi difícil. En canto me ordenaches mercar Santa Catalina, tíveno claro. En fin, estamos en paz. Rescateite. Son o home do museo.

-E agora?

-Agora nada. Agora toca o de sempre. Sobrevivir.

Despois bicouna. Na meixela. A carta da renuncia seguía no seu bolso. A Roi dixéralle que marchara de viaxe.

Non era doado vivir sen el. Por iso tomara esta decisión. Estaba chea de falar con esa máquina. Necesitaba que el a escoitase. Necesitaba contarlle que estaba reconciliada co pasado. Que agora, por fin, sabía quen era. Que o tiña asumido.

Sacou un espello do bolso e botou unha última mirada ao seu rostro. Seguía estando moi ben para a súa idade. Levaba unha maquillaxe lixeira. O pelo xa lle medrara. Lucía unha melena polo ombreiro. Púxose de novo as gafas de sol.

Fixérona pasar a sala. Esta vez eran tres homes. Sentiu que o estómago lle daba a volta. Podía facelo. Unha vez máis. Sacou as gafas.

-Bos días, señores -dixo, fixando os seus famosos ollos verdes no director de casting da décimo quinta edición de Sobrevivindo -Chámome Valentina Valdés. Pero todo o mundo me chama Val.

Resumo

Unha vez libre, tras ser declarada inocente do asasinato de Marcos Leis, Val reúnese con Roque en Compostela para pechar as feridas do pasado. Ela entrégalle a propiedade do colexio e esíxelle a cambio que se aparte da vida de Roi. Roque intenta facerlle comprender que el nunca sospeitou que era o seu pai ata que Nuria lle entregou a súa partida de nacemento. Val acláralle que nunca puido esquecelo e que matou a Marcos premeditadamente coa única finalidade de protexelo. Roque queda conmocionado.