A Deputación xera 17 empregos por cada millón de euros do Plan Único

A. S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

atr

A POS+ alcanzará no 2024 os 670 millóns desde a súa estrea no 2017

11 dic 2023 . Actualizado a las 16:06 h.

O Plan Único (POS+) volverá ser a ferramenta máis áxil de xestión para os concellos por parte da Deputación da Coruña no 2024. Cunha achega inicial de 50,5 millóns de euros (un 10 % máis que no actual exercicio), a cantidade irá incrementándose ao longo do ano ate alcanzar os 90 ou 100 millóns de euros, case a metade do orzamento da institución, o que o converte no maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España.

«Hoxe os concellos reciben ata catro veces máis fondos da Deputación e teñen máis liberdade para decidir en que os invisten», sinalou o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso. Deste xeito, desde a súa estrea no ano 2017, a Deputación xa ten repartidos 578 millóns de euros entre os 93 municipios coruñeses segundo criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie do concello ou o número de parroquias, e son as propias Administracións locais as que deciden o destino final dos fondos, como o financiamento de obras, ou servizos públicos como a recollida de lixo, o alumeado público, a limpeza viaria e de espazos públicos ou a contratación de persoal de centros municipais. No 2024 chegará a un acumulado total de 670 millóns de euros.

Reforma da biblioteca Fernández Latorre, en Ortigueira, a cargo do Plan Único
Reforma da biblioteca Fernández Latorre, en Ortigueira, a cargo do Plan Único atr

Segundo cálculos feitos pola propia institución, por cada millón de euros investido en obras do Plan Único se xeran 17 postos de traballo, o que fai desta ambiciosa liña de axuda un motor de emprego e economía na provincia. Os concellos coruñeses financiaron nos últimos ano 3.920 obras, das que 400 corresponden á anualidade do 2023.

Nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, o Plan Único inviste este ano 18,6 millóns euros e financia 67 obras; en Ferrolterra-Ortegal suma 16,9 millóns e 89 obras; na área de Compostela, 119 obras e máis de 26 millóns de investimento; máis de 15,2 millóns en Bergantiños-Costa da Morte con 74 obras e 47 na comarca de Barbanza, onde suma un investimento total de 11,5 millóns de euros.

Senda na estrada de Lema, en Melide, realizada con fondos provinciais
Senda na estrada de Lema, en Melide, realizada con fondos provinciais atr

«Nun período como o 2024, no que seguramente esteamos sen as regras de gasto en vigor e os concellos terán limitada a súa capacidade de manobra en decisión, o Plan Único volverá ser o seu primeiro instrumento para planificar a anualidade», destacou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira. «Unha das prioridades é apoiar ao concellos, que son os que están máis preto da cidadanía, para que teñan os recursos suficientes para facerlle fronte a máis competencias que lles derivan outras Administracións como a Xunta».

O POS Social, sete millóns para axudar aos sectores máis desfavorecidos

Dentro do Plan Único hai unha partida de sete millóns de euros no 2024 para reforzar os servizos e programas de axudas sociais dos concellos. Os fondos do POS Social poderán ser destinados por cada concello a financiar as súas necesidades específicas no eido das políticas sociais: contratación de persoal técnico e administrativo adscrito aos servizos municipais, axudas de emerxencia para persoas e familias en risco de exclusión social, ampliación do servizo de axuda no fogar ou servizos como xantar na casa, reforzo dos programas municipais de respiro familiar e conciliación, reforzo das axudas para persoas sen fogar ou axudas económicas para familias en situación de pobreza enerxética son algúns dos conceptos que poden ser financiados con estes fondos.

«O POS Social supón un importante apoio para impulsar programas e servizos sociais dos concellos que melloran a vida de miles de persoas de colectivos especialmente vulnerables, como maiores, dependentes, persoas con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero ou menores», destacou a deputada Mar García Vidal, que subliñou que os concellos poderán tramitar as súas solicitudes entre o 12 de decembro deste ano e o 14 de febreiro do 2024.