«Fixen o que puiden»

A CORUÑA

O reitor saínte da UDC confesa que o mandato foi máis duro do que pensaba, pero que seguirá defendendo a universidade pública

19 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luis Armesto (A Coruña, 1948) vaise como chegou: sen facer moito ruído, pero defendendo por riba de todo unha universidade pública e de calidade. Este días apura os seus últimos días como reitor da Universidade da Coruña (UDC), un posto que abandonará tras un mandato especialmente duro. Descansar, viaxar e seguir vibrando cos éxitos do seu Deportivo son algúns dos seus plans para comezar a cumprir tras o 12 de xaneiro. Ademais, aínda lle quedan dous anos para impartir clase e estase pensando en continuar traballando unha vez cumpridos os 65.

-¿Que balance fas destes últimos catro anos?

-O teño dito varias veces. É un balance de servizo público, de quen cremos e estamos dispostos a facer todo o posible para defender os servizos públicos. Fixen o que puiden, e penso que cando un fai o que pode, xa non se pode facer máis. Algunha vez teño escoitado que os heroes son aqueles que fan o que poden na vida. Creo que é unha esaxeración, pero cando un fai o que pode, fai o suficiente.

-¿Foi máis difícil do que pensaba levar as rendas da UDC?

-Si, pero tamén porque foron uns anos moi malos. A universidade española pasou nestes últimos catro anos o seu peor período despois da transición. Foi moi duro, pero tamén os tempos difíciles te obrigan a traballar mellor e facer as cousas mellor. Nese sentido, estou relativamente satisfeito destes catro anos, pero sen destacar nada. Cando traballas e segues pedaleando nesta carreira de fondo, os resultados veñen.

-Neste último ano conseguiuse a docencia de Medicina, o convenio para ter unha residencia,...

-Si, se conseguiron moitas cousas, despois de moitos anos e de moitos intentos. A docencia de Medicina que levábamos 12 anos traballando por fin se conseguiu, e moitas outras cousas tamén se conseguiron neste mandato, pero levaban anos buscándose.

-Pero antes de ser reitor, vostede xa estaba pelexando por Medicina e pola residencia.

-Si, é certo, por estes e moitos temas máis. E ás veces tes que renunciar a un resultado óptimo por un resultado máis práctico e máis colaborativo, porque cando tes responsabilidades de goberno e de xestión hai que saber ceder e non estar esperando ao resultado óptimo que non da chegado nunca.

-¿Como queda a Universidade en termos de financiamento?

-O financiamento é claramente insuficiente. Nas decisións políticas non hai esa valentía para investir claramente nas universidades, en investigación e en xeración de coñecemento. Esa é unha miopía total dos dirixentes políticos galegos e españois. É unha miopía total porque todo o investimento que se faga en coñecemento, en investigación e innovación é unha rendibilidade social e económica e ten un retorno tremendo. Como non fagamos iso e non invistamos decididamente en educación podemos quedar para ler o libro de instrucións do que fagan outros. Iso non pode ser, e iso é unha responsabilidade política enorme que non fomos quen [os reitores de universidades e os profesores] de transmitir á sociedade

-Foi un lastre importante non contar co respaldo da Xunta en materia económica. Parece que o novo plan corrixe erros.

-Ao final tiveron que recoñecer que o plan de financiamento que tiñan era francamente mellorable. E agora fixeron algúns cambios, pero tampouco o fan cunha vontade política e decisiva de investir nas universidades. O que andan dicindo de que se vai a incrementar nun 14 % non é certo, porque o que meten é a subida salarial do 1 %, a recuperación das pagas extras... En definitiva, non poñen diñeiro sobre un plan de 2010. Volvemos case ás cifras de 2010 e estamos falando de 2016-2020. Entón, non hai máis que comunicación e propaganda e non hai verdadeira inversión nas universidades, porque seguramente non están convencidos de que sexa unha inversión rendible para a sociedade e aí é onde se equivocan. Para 2016-2020 volvemos a caer nos mesmos erros porque o financiamento é insuficiente para o que a sociedade nos demandas ás universidades.

-Agora que despide o mandato, ¿como lle gustaría que o recordaran?

-Como un defensor da universidade pública, no que batallei moitísimo.

-¿Que fará a partir do 12 de xaneiro?

-Volver á Facultade de Ciencias, a miña cátedra de Química Física, e dedicar estes dous anos que me quedan á docencia e a aportar algo. Os meses que quedan deste curso os dedicarei a vacacións e a reflexionar para poder abordar esta nova etapa da miña vida que tamén vai a ser moi importante, porque cada vez está máis preto a xubilación.