«Unha marea cidadá botará a Negreira»

La Voz

A CORUÑA

31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

César Santiso é o portavoz e coordinador comarcal de Esquerda Unida.

-¿Que fixeron nestes tres anos que lles faga merecedores do voto?

-Non nos corresponde a nós facer esa valoración, senón a cidadanía. En todo caso consideramos que o noso traballo institucional foi serio, rigoroso e propositivo, ademais fomos quen de actuar como correa de transmisión da veciñanza. Cun só concelleiro sen dedicación exclusiva levamos preto de mil iniciativas.

-¿Cree que vai ser capaz, e como, de rachar co rexeitamento que a política está a xerar nos cidadáns?

-Loitando contra a corrupción, con ética, transparencia e participación. Hai que outorgar á veciñanza capacidade de decisión con orzamentos participativos, cámaras populares onde a veciñanza poida votar temas transcendentais e que permitan á cidadanía participar nos plenos.

-¿Cales foron o maior acerto e o erro máis grave do goberno local?

-Reduciu o gasto superfluo, pero de maneira insuficiente e por intereses electoralistas. Gobernou de costas á realidade e á cidadanía. Actuou como se non existise crise, practicando as mesmas políticas que nos afundiron. En lugar de promover ao tecido produtivo e o cambio de modelo, apostou polo ladrillo e o formigón, que fomentan a especulación e a corrupción, así como polos festexos e o turismo. Como resultado: máis paro, exclusión social e precariedade laboral.

-¿Ve xusta a reforma electoral de Rajoy?

-O último coletazo da casta dun réxime agonizante. Un intento desesperado para perpetuarse no poder e manter a súa rede clientelar. Unha estafa e un ataque sen precedentes á democracia. Cando alguén está xogando un partido e a metade do mesmo cambia as regras porque sabe que vai perder, só pode considerarse un tramposo. Pero dende o Atlántico chega unha marea cidadá que coa esquerda política e social converterase nun tsunami que botará a Negreira de María Pita.