Cinco novos Bos e Xenerosos recollerán galardón o 17 de maio en Ponteceso 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A Fundación Eduardo Pondal deu a coñecer os premiados deste 2024

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda algo menos dun mes e medio para o festexo das Letras Galegas e no Couto, en Ponteceso, preparan os actos do 17 de maio. Ese día, ás 12.30 horas, farase unha nova entrega dos Premios Bos e Xenerosos, galardóns cos que a Fundación Pondal vén recoñecendo xa dende o 2009 traxectorias individuais, pero sobre todo traballos a prol da colectividade, da sociedade, da cultura ou da lingua galegas. Xa hai pois premiados para este 2024, e serán cinco: Yolanda Castaño, Anxo Angueira, Guillerme Fernández, a Fundación Uxío Novoneyra e Jaime Izquierdo Vallina.

Yolanda Castaño
Yolanda Castaño ANA GARCÍA

O recoñecemento como boa e xenerosa coroará meses nos que moitas miradas se pousaron sobre Castaño, merecedora no 2023 do Premio Nacional de Poesía pola obra Materia, do Premio da Cultura Galega ou do Ramón Piñeiro de Ensaio. Remóntanse a moito atrás o vencello da poetisa coa aldea do Couto e con Ponteceso, unha relación mantida no tempo que tamén a trouxo ao Simposio Pondaliano no seu día ou a compartir experiencia literaria con alumnado. Gaba a Fundación Pondal a súa creatividade.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro PACO RODRÍGUEZ

Serán datas especiais tamén para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. A finais deste mes de abril ingresará na Real Academia Galega. Tería alí o 17 o seu primeiro acto como académico, máis estará na Fundación Pondal, entidades ambas do Rexurdimento e con profunda admiración mutua. Filólogo, escritor, estudoso da literatura galega, ten botado a súa dorna ao mar do gran poeta, en sentido figurado e máis en sentido real.

Guillerme Fernández
Guillerme Fernández José Manuel Casal

Máis cultura, neste caso musical, traerá a estes Bos e Xenerosos 2024 o artista Guillerme Fernández. «Ten na nosa música un papel fundamental», afirmaba onte Xosé María Varela, xerente da fundación pondaliana. Moitos veciños da Costa da Morte terano visto nos últimos tempos integrando a formación De Vacas, mais Guillerme Fernández foi tamén de Matto Congrio, de Berrogüeto, de aCadaCanto. Fixo man a man con Guadi Galego ou Xabier Díaz.

ALBERTO LÓPEZ

Aló polo ano 1996 visitaba a aldea pontecesá Uxío Novoneyra. Anos despois, o 17 de maio, a fundación de autor que leva o seu nome recollerá este galardón da man da súa viúva, Elba Rey. As paisaxes agrestes do bardo éranlle comúns no gusto a este escritor de Parada do Courel. De Pondal a Novoneyra, un libro referencial.

Jaime Izquierdo Vallina
Jaime Izquierdo Vallina Ana Garcia

Será o asturiano Jaime Izquierdo Vallina o quinto premiado deste ano. Xeólogo, escritor, firme defensor dun futuro para o rural, co pés na terra e nunca mellor dito. Fantástico orador e divulgador, será o segundo non galego, aínda que a súa relación con esta comunidade e esta comarca é moi estreita, en recibir este galardón.

Alboradas, artesanía e literatura completarán as Letras no Couto.