Xabier Domínguez: «Estudei neste edificio con Rafael de mestre e xa era unha referencia»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

Ana García

ENTREVISTA | O novo rexedor de Corcubión lamenta o atraso causado e valora o goberno en minoría

11 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Xabier Domínguez, Drok, converteuse esta semana no cuarto alcalde da democracia en Corcubión. Asumiu o liderado da lista do BNG local a finais do 2022 e en só uns meses conseguiu dotar de ilusión e xuventude a unha candidatura que pasou de dúas a catro actas no pleno municipal, transformándose na máis votada cunha ampla diferenza. O venres, asumiu o seu novo cargo, no que releva ao socialista Lalo Insua, rexedor durante os últimos oito anos.

—Esperaba sacar ese resultado?

—Si. Foron moi bos, pero adaptábanse ao que tiñamos previsto. O noso obxectivo era sacar catro, ou tres no peor dos escenarios, porque palpamos esa ilusión na veciñanza dende que demos a coñecer a lista. E segundo ía avanzando a campaña fixémonos, aínda, máis optimistas e fomos con mellores sensacións de cara ás eleccións.

—Chegara a imaxinar ocupar este posto?

—É algo que está sempre aí. Milito no BNG dende 2006 aínda que levo apoiándoo toda a miña vida, e cando eu era estudante de EGB, Rafael Mouzo era meu mestre neste mesmo edificio que agora é o Concello. Sempre o vías como unha referencia e para min é moi fermoso poder volver aquí para defender agora os intereses da vila. Xa estiven de número dous, pero aínda que só sexa un número máis, é unha responsabilidade totalmente distinta.

—Como levou o atraso do pleno constitutivo?

—Mal, porque 40 días dun goberno en funcións non é positivo para ninguén, nin para o saínte nin para o entrante. Nestes momentos de tanto traballo, ter eses vinte días que non se puideron aproveitar foi unha verdadeira mágoa. Si é certo que me provocou bastante ansiedade e, incluso, cando nos convocaron esta semana aínda non as tiña todas comigo.

—Durante este mes co goberno en funcións, houbo diálogos co PSOE?

—Si, tivemos conversas a nivel partido con eles e tamén a nivel institucional cos traballadores do Concello. Lalo Insua e Manola Fernández explicáronnos os temas máis inminentes que temos que resolver por fin de prazos como o dos socorristas, a limpeza de praias ou o técnico de turismo. E temos que agradecerllo profundamente. Son temas aos que prexudicou, claro, este atraso do pleno constitutivo.

—Como levou a campaña e as posibles crispacións con xente coa que traballou ou cando menos próxima, ao ser unha vila tan pequena?

—A ver, é certo que se un está no goberno e outro na oposición pode haber certos puntos de tensión. De feito, os hóuboos durante a campaña. Pero son unha persoa bastante conciliadora á que non lle gustan estas situacións. Teño unha boa relación con todos: Lalo, Pepe Louro, Luis Abelleira, Alfredo... Ao final coñecémonos de toda a vida e, aínda que un día unha disputa che poda quentar o corpo un par de días, pero despois todo ben.

—Corcubión é un bo exemplo de pluralidade democrática.

—Si, a cidadanía dictaminou un pleno sen maiorías absolutas neste mandato e no anterior. Polo que estamos obrigados, dende o goberno e dende a oposición, a chegar a acordos e a ser responsables mirando polo ben de Corcubión. Os termos de gresca e discusión, teñoos totalmente descartados. Primeiro porque non vai co meu carácter e segundo, porque non creo que vaia xurdir aquí, máis alá de que poda haber algunha cuestión que poida suscitar algo máis de polémica ou de disparidade de criterios.

—Xa teñen pensada a organización de concellerías?

—Estámolo mirando. Obviamente, nestes días falamos sobre o tema, vendo as áreas a repartir, pero aínda non están totalmente definidas e imos esperar a confirmalo.

ANTÓN LESTÓN

—Elixiron xa teniente de alcalde?

—Si. A primeira tenente da alcaldía vai ser María Bello. Paco Perú será o segundo, e Lois Lado, o terceiro.

—Decidiron xa se van propoñer dedicacións e de que tipo de cara ao primeiro pleno do mandato?

—Si, imos a pedir dedicacións. Temos que estudar aínda como serán.

—Estamos en época de eleccións outra vez. Os cambios de cores poden dificultar moito o traballo a nivel municipal?

—A ver, as obras que están enriba da mesa xa foron aprobadas no POS. Son o legado do anterior goberno. Hai outras que si, que aínda están en proceso de aprobación, que si, que poden ser afectadas por ese cambio de cores. Pero as Administracións teñen unhas responsabilidades cos concellos que teñen que cumprir. Agardamos, ademais, que na Deputación haxa un goberno de BNG e PSOE que nos axude o máximo posible. E aí veñen tamén as eleccións xerais e as da Xunta de Galicia.

«Corcubión ten que ser máis transitable para os peóns e ten que ter o tráfico máis ordenado»

Un mandato máis, a apertura do Centro de Día, xa rematado, e a construcción do porto deportivo serán obxectivos prioritarios en Corcubión.

—Que medida diferente as tomadas ata agora pensa que pode axudar a que sexan realidade?

—Son dous proxectos básicos para Corcubión, pero ben diferentes. O Centro de Día é máis realizable, pois só habería que poñelo a andar e, quizais, facer algunha mínima reforma. Hai que estar enriba e comezaremos a pelexalo dende a semana que vén. Agora, a Deputación tamén asume competencias sobre algunhas residencias e é outra porta que se nos pode abrir xunto á do Consorcio Galego. Penso que é asequible a curto prazo. No porto deportivo, en cambio, aínda estamos no quilómetro cero pese a que é unha necesidade dende hai máis de 30 anos. Pepe Buiturón e eu comprometémonos a traballar conxuntamente e intentaremos que desta vez si vaia adiante.

Ana García

—Cal é a Praza Castelao que se imaxina no futuro?

—Unha que sexa multifuncional, que con pequenos cambios poida estar preparada para o día da festa ou para que se abra ó tráfico de cara ao abastecemento dos comercios. Hai un proxecto presentado polo PSOE e firmado por Creus que aínda está en trámites, pero pode ser un punto de partida. Non só queremos humanizar a Praza Castelao, tamén as rúas do entorno. Facer que, cando menos, as fins de semana e épocas estivais, Corcubión sexa unha vila máis transitable para os peóns e que os vehículos estean máis ordenados, porque o certo é que agora mesmo hai un pouco de caos.

—Que obras teñen entre as prioridades?

—Algunhas xa están en trámites, como a da reforma da Capela do Pilar, da Casa da Cultura ou a ampliación da estrada á Oliveira. Temos que visualizar o proxecto de unión do paseo marítimo co de Cee, para finalizar o proceso de compra dese famoso terreo e traballar conxuntamente co Concello de Cee.

—Unha das grandes bazas do BNG na campaña foi a cultura. Por onde pasa esa melloría?

—Por un rearme do tecido asociativo. Eu recordo cando tódalas entidades se reunían e expoñían no cárcere vello os seus traballos. Ou o traballo de Emprecor. Dende o Concello hai que arroupalas e animar a xente a que as renove, como acaba de suceder co Mercado Medieval, do que estamos moi orgullosos e no que sumaremos toda a axuda posible.

Máis de preto... VAI CO CARGO

—Ten fillos?

—Non, ningún.

—Quen foi a primeira persoa que o felicitou?

—Penso que foi Lois, meu compañeiro. Despois xa veu unha avalancha de xente.

—Quen foi a primeira persoa que o chamou por teléfono trala investidura?

—Iso si que non recordo, pode que fose incluso alguén da prensa. Máis ben foron wasaps.

—Tivo tempo de contestar todos os wasaps que recibiu?

—Si, estiven contestando e levoume un tempo porque un cento deles aínda había. Amigos, xente que está fora..

—Onde celebraron a vitoria?

—Eran altas horas da noite e, entón, fomos tomar unhas cervexas ao pub A Gavilla.

—Vai cambiar algo do seu despacho?

—Non creo que moito. Personalizarei algunha cousa miña, pero pouco máis.

—Xa concertou algunha entrevista na Xunta?

—Non. Si que temos pendentes conversas con compañeiros da Deputación para preguntarlles un montón de cousas.

—Que profesión ten?

—Son empregado municipal, traballo de conserxe. Ademais, son mestre de educación viaria.

—Este verán terá tempo para unhas vacacións?

—Moi complicado. Supoño que a finais de ano terei que darlle á familia uns días, pero agora non é o momento.

—Vai manter o seu vestiario ou vai cambiar algo?

—Son bastante sinxelo. Terei que usar máis a americana e así, pero para cousas puntuais.