Douscentos anos da presenza do cartógrafo Domingo Fontán na Terra de Soneira

XOSÉ MARÍA LEMA

CARBALLO

ANTONIO MARÍA ESQUIVEL

Estableceuse Follente para analizar a bisbarra e incluíla no seu mapa de Galicia

11 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 15 de decembro de 2023 faranse os 200 anos da estadía do cartógrafo Domingo Fontán (1788-1866) en Follente (Zas), desde onde iniciaría o camiño cara á costa para levar a cabo a Carta Geométrica de Galicia, mapa topográfico de grandes dimensións de escala 1:100 000 rematado en 1834 e impreso en París en 1845. Para efectuar as medicións empregara por primeira vez en España o moderno método francés da triangulación xeodésica e o metro como (nova) medida, co que se adiantou en catro décadas ós esforzos dos sucesivos Gobernos españois para realizaren outro mapa semellante no resto do Estado.

A raíz da restauración de Fernando VII como rei absoluto, Fontán, de ideoloxía liberal, foi expulsado da súa cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago en outubro de 1823. Tiña 35 anos e, ó perdela, tomou a determinación de levar a cabo, sen máis dilacións, o seu proxecto de cartografar o (aínda chamado) Reino de Galicia ó completo. Antes fixera, de 1816 a 1822, algúns ensaios no pazo de Pontecarreira (Sigrás), na torre do Reloxo da catedral de Santiago, na torre de Hércules e na Terra de Melide.

Follente, centro de operacións

Como punto de partida para esta etapa, a definitiva, Fontán escolleu a casa-pazo de Follente do seu correlixionario liberal don Antonio Loriga, que entre 1820-1823 fora xefe político (gobernador) da provincia da Coruña. «Casa del Sr. Loriga, en Follente, el 15 de diciembre de 1823», lemos no seu caderno de campo número 7, ó que tivemos acceso grazas ó xornalista brasileiro Vítor Hugo Brandalise, que en 2012 estivo realizando, cunha bolsa de La Voz de Galicia, unha investigación ó respecto que publicaría na revista Murguía nº 26 co título Tralos pasos de Fontán.

Foto V.H. Brandalise, 2012

Era tempo de inverno cando se presentou na mansión de Loriga; as présas obedecían, por unha parte, ó temor de sufrir persecución por parte dos absolutistas; e, e pola outra, a dar empezado dunha vez por todas o seu proxecto estrela tantas veces aprazado. Botou varios días en Follente, convertido no centro de operacións na comarca.

Na opinión de Brandalise, aínda que Follente estaba anotado no caderno de Fontán como a 4.ª das rutas programadas, en realidade acabaría sendo a decisiva cando se puxo decididamente co traballo de campo. Aquel 15 de decembro marchou a cabalo e a pé pola Terra de Soneira de leste a oeste en dirección ó mar polo antigo camiño real que viña de Compostela: pasou por Zas, Vilar, o adro de Tines, Bamiro (subiu a Monte Torán), Salto (subiu ó monte de San Bartolo)e Vimianzo (fixo medicións desde o alto do castelo). O día 17 de decembro xa alcanzara «la Peña del cabo Vilaño» de Camariñas, punto base para o posterior estudo da costa galega.

.

Retornou a Follente por Baio e O Allo —cita a «Torre de Bayo» e a «Torre del Allo» o 18 de decembro— e subiría logo ó Bico de Meda para dexergar toda a Terra de Soneira e parte de Bergantiños e Xallas. Non esqueceu no seu mapa respectar os nomes milenarios destas nosas comarcas. Palmo a palmo Fontán percorrería case sen interrupción ?só unha pausa en 1824 para contraer matrimonio? todo o territorio galego para medilo de punta a cabo ó longo de dez anos e así acabar perfilando o que Otero Pedrayo definiu como «o primeiro rostro de Galicia» .

Fontán é un dos próceres enterrados no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago, e como tal non se debería pasar por alto a oportunidade única e irrepetible de darlle realce ó bicentenario da súa estadía na nosa comarca. Abondaría cunhas simples placas informativas, situada unha en Follente (sobre todo) e a outra na recepción do faro do cabo Vilán, polo que indicamos anteriormente. Tamén se podería organizar unha ruta de ida e volta cara á costa pola comarca seguindo o seu caderno de campo.