«Viaxe polo corazón de Bergantiños» foi o gran triunfador da Praza dos Libros

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O domingo pola mañá os libreiros entregaron un molete de Pan de Carballo con cada exemplar.
O domingo pola mañá os libreiros entregaron un molete de Pan de Carballo con cada exemplar. Ana garcía< / span>

Os títulos en galego representan o 60 % dos 1.500 exemplares vendidos

27 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Feira literaria carballo

Cando se ten tanta experiencia como Moncho Tasende é máis doado saber se unha obra literaria vai ter tirón ou non. O libreiro carballés fixo pleno cando augurou, o primeiro día da Praza dos Libros, que a Viaxe polo corazón de Bergantiños de Xosé Pumar Gándara ía ser a gran triunfadora. De feito, non só foi o título máis vendido da feira, senón un dos máis gabados. Xa no mesmo acto de presentación era cualificado dende o público como un libro cheo de sabedoría, ben escrito e moi ben ilustrado e presentado, e un dos compañeiros do autor no Instituto de Estudos Bergantiñáns -e agora tamén compañeiros de letras-, como é o caso de Fernando Cabeza Quiles, definiuno como «impresionante» tanto na presentación coma no formato e na calidade do texto.

Parece claro que había moitos carballeses desexando facer esa Viaxe polo corazón de Bergantiños. Pero tamén se demostrou un ano máis que o público escolle maioritariamente as obras dos autores que pasan pola feira. Así, segundo a valoración que fixo pública onte o Concello de Carballo, despois do libro de Pumar Gándara os máis solicitados foron As voces baixas, de Manuel Rivas; o disco-libro Rosalía Pequeniña, de Uxía, e Aquel neno, de Xosé Neira Vilas. O 60 % das vendas foron de títulos en galego. Do 40 % restante destacaron dous títulos, Diario de Grey e La verdad sobre el caso Harry Quebert.

En total foron uns 1.500 os libros vendidos, na liña dos últimos anos, polo que tampouco houbo variacións importantes no negocio dos libreiros. Os ingresos totais foron de 15.000 euros, unha cifra que vén repetíndose dende o 2009 coa única excepción do 2011, no que se acadaron os 17.000.

Tanto organizadores como empresarios fixeron una lectura positiva dos números, que tamén inclúen as máis de 1.500 persoas que participaron nas actividades programadas ou os 350 moletes de Pan de Carballo que se repartiron o domingo pola mañá, coincidindo co momento de maior afluencia á feira. As dúas partes implicadas neste proxecto cultural, patrocinado por Conservas Calvo, consideran que a Praza dos Libros está consolidada «como unha referencia anual para a difusión do libro e da lectura».

Vinte actividades

Ao longo das catro xornadas, que coincidiron co mercado do xoves e a feira do domingo, desenvolvéronse case vinte actividades entre presentacións, sinatura de libros, concertos e contacontos. A organización calcula que participaron máis de 1.500 persoas, e destaca especialmente que malia duplicar a capacidade da carpa, en moitas delas quedouse pequena.