Manuel Ángel Pena, técnico do Cidade de Ribeira: «Queriamos que se falase de nós e creo que o logramos»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Pena ve ao Boiro nun bo momento a pesar das últimas derrotas.
Pena ve ao Boiro nun bo momento a pesar das últimas derrotas. MARCOS CREO

O adestrador do conxunto ribeirense pon como obxectivo conseguir, como mínimo, 42 puntos para asegurar a permanencia e agarda sumar tres no derbi co Boiro

06 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No Cidade de Ribeira lamentan non chegar ao derbi máis relaxados. Para iso terían que ter gañado os dous últimos encontros, como comenta o técnico, Manuel Ángel Pena, porque iso faría que estivesen máis preto da salvación. Agora xa non hai volta atrás, e o que toca é vencer ao Boiro para dar un paso de xigante cara o obxectivo.

—Tras eses dous empates en partidos que posiblemente mereceron gañar, o derbi é o escenario perfecto para regresar á senda da vitoria?

—A nosa idea era sacar os tres puntos neses dous encontros e afrontar o derbi con máis tranquilidade porque o obxectivo estaría case cumprido. Agora vén o Boiro, que eu creo que vai ascender, e sabemos que vai ser complicado. É un partido especial para todos, o que máis gusta.

—Que Boiro agarda tendo en conta a súa racha negativa?

—A pesar dos últimos tropezos vén nunha boa dinámica, facendo unha segunda volta fantástica. É o máximo candidato a ocupar a segunda praza, vendo que o Noia non cede. Fai dúas semanas o tiñan na súa man e agora veñen necesitados de puntos porque o San Tirso está preto. Defensivamente é un equipo moi sólido, por algo é o que menos encaixa, e ten un potencial tremendo en todas as liñas. Tamén xera moitos problemas a balón parado, ten moi bos lanzadores, e domina as dúas áreas.

—Cales poden ser as claves do derbi?

—Nós temos que procurar manter a personalidade que mantivemos durante toda a liga, facendo o noso xogo co balón. Temos que estar moi sólidos atrás para evitar as súas transicións e non perdoar as ocasións que teñamos, porque non creo que poidamos xerar moitas. Haberá que traballar moito como equipo.

—Conseguir o domingo os tres puntos pode supoñer selar practicamente a permanencia en Preferente?

—É unha liga moi apertada. Os nosos cálculos son que farán falta entre 42 e 45 puntos. Eu creo que con 42 será suficiente para librar os posibles arrastres. Agora non podemos descoidarnos porque as cousas poden cambiar dun día para outro. Mira o Boiro, que estaba pelexando polo liderato e tras só dúas xornadas o ten un pouco máis complicado.

—Entramos na recta final da tempada, como valora o traballo do seu equipo?

—De no ter fallado nos últimos partidos ata poderíamos loitar por estar entre os cinco primeiros ou, polo menos, moi cerca de intentalo. Pero, por detalles, non dou para iso. Hai cousas a mellorar de cara á próxima campaña unha vez consigamos o obxectivo. Somos dos que máis goles fai, pero tamén recibimos moitos. Por equipo e calidade tiñamos que pelexar por estar un pouco máis arriba. Temos que competir mellor en determinados aspectos. Queriamos que se falase de nós, que o Cidade estivese en boca de todos, e creo que, por momentos, o logramos.

—Como ve o que resta ata o final?

—Despois do derbi terán que vir Lalín, Lemos e San Tirso e iremos aos campos de Castro, Dubra e Residencia. Vai ser complicado porque todo o mundo estase a xogar algo.