Conversa arredor do desarraigo no Ateneo Valle-Inclán

Miriam García
M. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Da man de Barbantia,  escritor Xosé de Cea presentou en Ribeira «Coímbra»

04 may 2024 . Actualizado a las 20:23 h.

A emigración, a construción da identidade, o desarraigo dos fillos de galegos nacidos lonxe da terra dos seus pais cando estes deciden regresar á casa e un momento histórico moi concreto son algúns dos temas que se trataron na animada conversa na que se tornou a presentación do libro Coímbra, de Xosé de Cea. Para esta cita, o Ateneo Valle-Inclán e Barbantia retomaron a súa histórica alianza para traer a Ribeira ao autor afincado en Melide.

Os temas arredor dos que xirou a conversa moderada por Isabel Santos, vicepresidenta de Barbantia, son tamén os do libro de Xosé de Cea, unha novela con notas autobiográficas, xa que el mesmo é fillo da emigración. Os seus pais marcharon de Palas de Rei a Barcelona, onde el naceu e onde viviu a súa infancia e adolescencia -no barrio de Coímbra-, ata que con 14 anos volveu á terra natal de seus pais deixando atrás o mundo que coñecía, o seu mundo. De aí, o desarraigo, unha experiencia persoal que o autor aproveita para facer tamén un retrato dun momento histórico moi concreto e recoñecible: os últimos anos 70 e principios do 80. No acto tamén participou a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, que agradeceu a boa acollida do Ateneo, e o presidente de honra desta entidade, Santos Oujo.