De toda a vida

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Cabo Vilán es uno de los puntos que ChatGPT pasa por alto a la hora de confeccionar un plan de viaje a la Costa da Morte
Cabo Vilán es uno de los puntos que ChatGPT pasa por alto a la hora de confeccionar un plan de viaje a la Costa da Morte ANA GARCÍA

Sempre me custou moito chamarlle á Costa da Morte como tal

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me custou moito chamarlle á Costa da Morte como tal. Sábese ben que o uso deste apelativo é bastante recente, pero tivo tal éxito popular e turístico que hoxe podemos dicir que xa é parte da tradición. Pasa o mesmo co seu equivalente, perfectamente comparable, do interior: a Ribeira Sacra. A xente pensa que se lle chamaba así de toda a vida.

Porén, para a identidade de toda esta área, o éxito deste apelativo que encaixa á perfección coa imaxe tópica da Galicia sufridora e tráxica, tivo unha segunda consecuencia. Para os que non son da zona, o nome de comarcas de tanto alento histórico e sonoridade fermosa como Xallas, Soneira ou Bergantiños, ou de arciprestados como Célticos, Nemancos, Duio ou Entíns fican desaparecidos baixo a propia idea da Costa da Morte.

E iso que son terras sobre todo agrarias. Todos eses nomes encerran unha profunda historia, ás veces relativamente coñecida, outras misteriosa e suxestiva. Teñen tamén outro motivo de orgullo: a maior parte destes topónimos pertencen ás vellas linguas galaicas xa desaparecidas. Os veciños de cada unha destas comarcas teñen moi claro onde pertencen, pero cara o exterior a maior parte destas identidades estanse a perder. Se acaso Bergantiños resiste numantina.

A tradición é caprichosa: hai palabras, topónimos ou rituais que non hai quen os mova. Outras prenden coma unha mecha ata converterse en hexemónicas. De aí ata que a xente che discuta que na súa casa lle chamaban así de toda a vida xa só hai un paso (ou un quinto na taberna).