Bicos e morreos

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

Bernardo Codesido

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que ter moi mala memoria para non se lembrar dese noso primeiro bico, compartido e desexado, que quen máis e quen menos deu case na clandestinidade e logo nos quitou o sono. Esa ansia adolescente que se rememora durante toda a vida e nos fai soñar con un tempo sen volta. Aquelas promesas de amor eterno, polo que faciamos nosos os versos de Bécquer cando non sabía o que lle daría á súa amada por un bico.

Ninguén me sabe dicir por que son os bicos o preámbulo do amor, como a sinatura e acordo do mesmo, como tampouco me saben dicir por que dexenerou nunha forma de impoñer submisión, de abuso de poder, de botín de ladrón, como aquel do poema de Benito Losada que se xustificaba con que, como na cara llo deixara, non era roubo, e aínda pedía con todo descaro «vén, que aquí estou, e róubame outro a min» que tanto nos recorda a recentes acontecementos da maior vileza machista.

O que ninguén pode asegurar é como naceu esa idea de bicarse nin como evolucionou ata o morreo. Xulio asegura que os primeiros bicos eran lambetadas entre nais e fillos, unha maneira de lavarlle a cara ou de pasarlle a comida mascada como fan as gavotas cos poliños, que dalgunha maneira iría evolucionando ata converterse nun aloumiño de beizos e mostra de cariño e afecto. Os rusos danse tres bicos cando se saúdan, nós bicamos na fronte ós anciáns, na meixela ós parentes e nos beixos ás e ós amantes. Pero os bicos tamén son símbolo de traizón coma a de Xudas

Dise que antes de que Alexandre Magno chegara á actual India, a este lado do Mar Negro non se sabía dos seus praceres. Pero o Magno morreu trescentos anos antes de Cristo e Homero, catrocentos anos antes ca el, xa nos falaba dos cariñosos bicos de afecto.

Andando o tempo, aquel costume que xa se usaba na India máis de dous mil anos antes da nosa era, pasou a tomar o valor dun obxecto a posuír pola forza, como quen procura con el o triunfo do seu poder, nada que ver con ese cadro de Gustav Klim, que tanto se pode contemplar en vertical como en horizontal, de pé como deitado, ou aquel bico de Auguste Rodin, que nos mostra ós amantes envoltos nun cariñoso e compartido abrazo sen submisión.

Do afecto ó abuso hai un paso. Celebrar unha vitoria con un bico roubado só é un abuso de aproveitado, de sometemento, como foi aquel que o fotógrafo Alfred Einsenstaedt captou entre un mariñeiro e unha enfermeira na celebración do final da Segunda Guerra Mundial.

Greta Friedman, unha austríaca refuxiada do nazismo, con quen todos concordan que era a verdadeira protagonista daquela escena que dou a volta ao mundo a causa da fotografía de Einsenstaedt, unicamente lembraba que o mariñeiro era moi forte, apertábaa moito e para nada foi un momento romántico.

Non, ningún roubo é romántico e esa famosa fotografía, que para moitos supón a celebración da vitoria contra o nazismo, tamén denuncia o que durante séculos foi unha constante en todas as contendas, dende Troia ata os abusos dos máis recentes conflitos bélicos, onde a muller é o ser máis vulnerábel e sometido polos vencedores.

Recoméndovos a lectura da obra titulada A historia, unha fermosa novela da italiana Elsa Morante.