Confianza como base de todo

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

De entre todos os xéneros, os barbanceses seguen a apostar pola novela negra e a de amor

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O mellor de coller un libro na man é que pode tratar case de calquera cousa. Aventuras, amor, terror, misterio... e ata receitas de cociña teñen cabida nas páxinas das diferentes obras, que sen dúbida son a mellor maneira de recoller a esencia da humanidade. Tamén son un bo termómetro das tendencias e gustos da sociedade, que cada vez se decanta máis pola novela negra.

Na actualidade os programas de radio máis escoitados son os que falan de crimes famosos que se cometeron hai anos e nos que aínda quedaron enigmas por resolver. Na narrativa acontece algo parecido, pois son as historias con pistas imposibles e asasinos desapiadados as que entreteñen aos lectores.

Iso pensa María José Lestón, da libraría Lestón, en Outes, que apunta a que ten clientas de avanzada idade que son moi afeccionadas ás obras de terror de Stephen King: «Son grandes lectoras, nunca deixas de aprender con elas». Aínda así, sinala que é difícil falar das vendas sen nomear a pandemia: «A xente lanzouse a internet».

Inimigo invencible

Para Rosa Moledo, da libraría Rosa de Mazaricos, tamén é inevitable facer mención ás grandes plataformas de venda en liña, que pouco a pouco van limitando a demanda en negocios coma o dela: «Fas clic, tráencho á casa e devólvelo se queres sen custes adicionais, non hai quen compita con algo así».

No caso de Juan José Rego, de Gallardo, en Muros, a diferenza nos pedidos márcaa a fama que colla o libro antes de chegar aos puntos de venda. Considera que se saen en medios de comunicación de máxima audiencia ou se son escritos por famosos, teñen máis papeletas de saír vitoriosos da pugna pola atención dos lectores. Preguntado polo autor que mellor saída teña, o barbancés responde que no caso dos adultos é Jöel Dicker mentres que no dos adolescentes é Blue Jeans.

Máis ou menos di o mesmo Jéssica Martínez, de Chorima, en Carnota, que apunta que os máis buscados pola xente son os best-séllers de plumas como Gómez Jurado ou Arantxa Portabales. Sobre a literatura en galego, confesa que este tipo de obras adoitan vir en castelán e que aínda que se traduzan non hai moita xente que se preocupe por mercar libros na lingua de Castelao: «Hai escritores que os adaptan pero o público non pregunta por iso».

Os profesionais teñen as súas esperanzas postas nos meses do verán

O mal tempo amarga até a un santo, e senón que llo digan aos libreiros de Barbanza, que a parte de ter que librar unha batalla diaria co auxe das compras por internet teñen que aguantar os meses do inverno cos beneficios que lles da a venda de papelería e a chegada dos turistas na tempada estival. Se lle preguntan, Inmaculada Blanco, de libraría Blanco, en Noia, teno moi claro: «Para o verán teño boas expectativas».

Contrario do que se poida pensar, sinala que non só aumenta a compra de libros de peto, senón que tamén sen máis de tapa branda ou edicións máis caras: «De vacacións lemos máis eu penso, sobre todo os visitantes». Esta diferenza no consumo vese reflectida incluso na sección infantil, pois segundo a libreira «os nenos estranxeiros len máis».