De texto esquecido a éxito rotundo

Laura Ríos
laura ríos RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O autor Nel Vidal apunta que lle gusta escribir, pero que nunca se presentara a un certame

23 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que teñen a teima de apuntar en calquera folla que atopen aquilo que se lles pasa pola cabeza. Moitos artistas utilizan este método tan espontáneo para introducir realidade nas súas obras, mentres que outros simplemente buscan dar vida a unha pequena idea que ao final acaba gardada nun caixón. Esa é a historia de Deberes de lingua, unha narración que con tan só 67 palabras logrou conquistar ao xurado do Concurso de Microrrelatos da RAG e Puntogal.

O pai desta condensada acumulación de letras e conceptos, Nel Vidal, escribiuna non co afán de presentala nun certame, senón co de ensinar aos seus alumnos a importancia dos acentos e a diferenza entre ditongos e hiatos: «Atopeino hai pouco metido nun antigo libro de texto, trátase dun paralelismo entre relacións interpersoais e gramática».

Este curioso relato, que nunca chegou a empregar cos estudantes, quedou sepultado por decenas de follas e apuntamentos, ata que o redescubriu hai pouco. A oportunidade de presentarse ao concurso da Real Academia Galega chegoulle, como a maioría de cousas que pasan na vida, case por casualidade. O ribeirense, que vive desde hai anos na Coruña, é profesor de lingua galega, o que lle fai estar moi en contacto co mundo da cultura e os concursos para mozos: «Sempre tento explotar a súa creatividade convidándoos a ir a certames e facendo que isto repercuta positivamente nas notas como aliciente».

O día que abriu as bases para poder participar o menos que pensaba é que ía ser o gañador da categoría de microrrelatos, pero o paso foi algo relativamente sinxelo para o barbancés, pois a súa modestia fíxolle pensar que se trataba dun exercicio co que tentar dar exemplo aos alumnos: «Quero que os rapaces teñan confianza en se mesmos e saiban que hai xente disposta a ler o que eles fan».

Vocación

O mestre fala con paixón do enorme talento dalgúns dos rapaces aos que dá clase. Para el, os adolescentes adoitan utilizar o papel e o bolígrafo cando teñen algo que contar, pero non queren que ninguén se escabulla nos seus asuntos, que alguén poida ver a súa parte débil ou aquilo que senten en realidade. «Dálles vergoña que alguén saiba o que reflicten nas follas en branco, que alguén poida xulgalos», manifesta. Algo parecido a este temor era o que experimentaba Nel Vidal cando escribía artigos de opinión en prensa ou cando deixaba que alguén lese algo seu: «Presentarme ao premio tamén foi unha maneira de derrubar esas barreiras».

Cando recibiu a notificación de que a Real Academia Galega o escollera como galardoado, o profesor reaccionou con moita alegría, pero sobre todo con unha gran sorpresa. «Un sempre se presenta coa intención de que se valore o traballo feito, pero o certo é que non me esperaba ese veredicto dos xuíces».

Aínda que todo pareza unha doce casualidade na historia deste mestre, o certo é que hai determinadas conviccións que o levaron a loitar polo que cre, xa sexa nas aulas ou no ámbito literario.

Deste xeito o ribeirense defende que o galego debe ser inculcado aos mozos como unha herdanza de valor incalculable: «A lingua non só é unha ferramenta de comunicación, tamén é unha vía de construción da identidade e a xente nova úsaa cada vez menos».

Sen complexos

Nel Vidal pensa que os mozos non adoitan ter prexuízos contra o idioma de grandes autores como Rosalía ou Castelao, pero que si se afixeron a falar en español e que lles custa dar o paso. «Ao final, todo o entorno co que teñen relación fala en castelán».

Para Vidal, que exerceu de lingüista no Concello de Carballo, a falta de referentes é un problema básico, e neste aspecto anima aos mozos a alzar a voz e erixirse como figuras culturais, xa sexa tanto no mundo da música como no da escrita ou en calquera outra disciplina que lles guste, como exemplos do uso do galego: «Teño unha alumna que está facendo cancións no noso idioma e estou seguro de que lle vai ir moi ben».