O buque Arctic Sunrise de Greenpeace visitará Vilagarcía en xuño

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

SANDE

Esta escala inclúese na súa campaña de protección dos oceános e defensa da pesca artesanal e permitirá facer visitas guiadas ao barco

20 abr 2024 . Actualizado a las 13:55 h.

O buque Arctic Sunrise de Greenpeace visitará Vilagarcía na segunda quincena de xuño no marco da súa campaña de protección dos océanos e na defensa da pesca artesanal e sostible. Ademais de abordar esta temática, a escala aproveitarase para dar coñecer a labor de Greenpeace e as misións que leva a cabo por todo o mundo, para o que se organizarán visitas guiadas ao barco co que a organización leva operando dende 1996, primeiro na campaña das plataformas petrolíferas do Mar do Norte, e despois nas do Mediterráneo.

Malia ser menos coñecido que o Raibown Warrior, o Arctic Sunrise tamén ten moito simbolismo, xa que pasou de ser un pesqueiro de focas a formar parte da flota do colectivo cuxa misión é defender e protexer a natureza. Construído en 1975, o Arctic Sunrise é unha motonave de 948 toneladas, 49,6 metros de eslora e 11,5 de manga, que alcanza unha velocidade máxima de 13 nós. Adaptado para as misións do grupo activista, conta con 18 liteiras para a tripulación, porta dúas zódiacs grandes ríxidas, dúas pequenas inchables e dispón de capacidade para helicóptero.

Como xa aconteceu nas anteriores veces, o goberno local de Vilagarcía amosou a súa plena disposición a colaborar con Greenpeace nesta nova acción prestando apoio loxístico e facilitando infraestruturas para o desenvolvemento de actos. Co obxectivo de repetir o éxito acadado en 2019, cando o Rainbow Warrior fixo escala no porto vilagarcián, responsables da organización activista mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde, Tania García, para ir planificando as posibles iniciativas a levar a cabo como complemento ás visitas guiadas ao barco, segundo informan desde Ravella. En representación de Greenpeace participaron no encontro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galicia; Marta Martín-Borregón, responsable da campaña de Océanos e Pesca de Greenpeace España; e Mariló Ramos, coordinadora de voluntariado da delegación da oenegé en Arousa.

O Concello iniciou en 2019 unha liña de colaboración con Greenpeace, entidade que xa ten realizado varias accións na capital arousá. A primeira foi a visita que o seu buque insignia, o famoso Rainbow Warrior, fixo en 2019 no marco da campaña «En marcha polo clima». Daquela, o barco recibiu 5.000 visitas, o colectivo desenvolveu obradoiros e mantivo reunións con distintas formacións políticas e sociais e tamén se celebrou un multitudinario concerto polo clima no que participaron Depedro, Uxía e Maika Makovski.

En 2022, o voluntariado de Greenpeace desenvolveu en Vilagarcía unha campaña informativa e de apoio ao Tratado Global dos Océanos, e en 2023 a organización proxectou no Salón García o documental «Santuario», reivindicando a protección da Antártida a través dos ollos de Javier e Carlos Bardem durante os meses que compartiron con activistas de Greenpeace no continente xeado.