Tres homes limpando o monte tres meses para disfrutar do Campionato Galego de Trial en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O motoclub SQeM organiza a terceira proba do calendario autonómico, que mañá congregará a case medio cento de pilotos no monte de Rubiáns

13 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O motoclub SQeM de Vilagarcía de Arousa organizará mañá en Rubiáns a terceira das sete probas que este ano compoñen o Campionato Galego de Trial. Unha cita que permitirá ver en acción aos amantes das motociclistas de monte a case un cento dos mellores especialistas a nivel autonómico do momento.

Corenta e sete pilotos, para ser precisos, son os inscritos nunha proba que contará con sete zonas de competición, dando tres pasadas a cada unha delas. As seis primeiras están situadas no monte en man común de Rubiáns, cos afeccionados podendo acceder a elas collendo a estrada de enlace ao Hospital do Salnés, pasando por debaixo da vía rápida dirección a Baión. A zona de competición restante está na contorna do Centro Cultural O Souto de Rubiáns, no que se sitúa o parque e o centro loxístico da carreira.

O primeiro piloto en saír a rodar faráo ás 9.45 horas, cubrindo a distancia entre o centro cultural e a parcela coas seis zonas de monte empregando o vial a Zamáns, que permanecerá pechado ao tráfico ordinario de 9.30 a 14.30 horas.

En acción, dez categorías, incluídas as máis vistosas, as TR1, TR2 e TR3, cunha decena de competidores da zona, cuxo manexo das motos de trial poderá ser seguido ben preto polos afeccionados que desexen achegarse a calquera dos dous puntos nos que se desenvolverá o evento deportivo.

Tres meses limpando o monte

Para facer posible todo isto, explica o presidente do SQeM, Alberto Miguéns, traballou arreo durante os tres últimos meses man a man co seu fillo e co seu xenro para limpar, con desbrozadoras e ferramentas manuais, a estensa zona de monte na que a mancomunidade do lugar lle permitiu facer a proba. Un labor, o dos organizadores, que permitirá ter ben liberada a zona durante varias semanas, minimizando de paso o risco de lumes.