O día en que Asorey baixou ao pozo para recuperar a súa ferramenta de escultor

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

ADRIÁN BAÚLDE

O Concello de Cambados edita un libro sobre o artista destinado á rapazada que comeza a ler

22 abr 2024 . Actualizado a las 19:08 h.

O Concello de Cambados vén de editar, con cargo aos fondos do programa Máis Provincia, unha biografía dun dos veciños máis ilustres da vila, o escultor Francisco Asorey. No que está a ser un ano de homenaxe a súa figura, quérese achegar a nenos e nenas un perfil do artista que evite que o seu nome acabe vaciado de sentido e de recordos. O libro, pensado para rapazada á que aínda hai que lle ler os contos e a aquela outra que xa dan os seus primeiros pasos na lectura, pinta a figura «dun xenio da escultura». Para conectar coa cativada, o libro escolle con coidado os feitos e as anécdotas que presenta. «É un libro rigoroso, pero con imaxes e textos pensados para captar a atención da rapazada», explicaba o concelleiro de Cultura, Liso González. Para iso, ponse o foco sobre episodios como aquel que relata como o pai de Asorey, sendo este aínda un neno, tirou nun pozo a ferramenta que utilizaba para esculpir, e como o rapaz, sen dubidalo, baixou polo negro burato para recuperala.

Desde libro imprimíronse 2.000 exemplares. Parte deles están hoxe na biblioteca municipal Luis Rey, centro ata o que o Concello convida a toda a veciñanza a acudir. Celébrase o Día do Libro e a concellería de Cultura quere agasallar á xente de Cambados con libros, algúns editados polo Concello, outros cedidos por entidades amigas como a Fundación Plácido Castro.