Do Día da Fraternidade

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Occidente trata de xeito diferente as guerras de Ucraína e a de Palestina

28 ene 2024 . Actualizado a las 17:24 h.

AA palabra latina frater foi moi prolífica nas linguas romances. A través da lingua de Oc, a dos trobadores e falas populares do sur de Francia e que usaban os monxes de Cluny, chegounos fraire, irmán, que dou frade, freire, frei. Tamén saíron dela confraría, confrade, fraterno, fraternidade, confraternizar e, por suposto, fratricida. Irmán vén da abreviatura de frater germanus, que significaba fillo de pai e nai e na que germanus implicaba o concepto de auténtico, verdadeiro. Tamén saíron verbas como irmandade ou curmán; e no castelán outras como germanía que, curiosamente, é un grupo de malfeitores, todo segundo recolle o Dicionario Etimolóxico Corominas. E o da RAG dinos que fraternidade é unha relación de amizade e solidariedade —as dúas cousas— existente entre irmáns ou entre persoas que se senten como tales; sen inocencia pon como frase explicativa «As guerras evitaríanse se houbese fraternidade entre todos os homes». Nese senso a razón de ser da creación da ONU, despois da loucura da Segunda Guerra Mundial, estaba en librar ao mundo da guerra e acadar a cooperación para resolver problemas internacionais de carácter económico, social, cultural ou humanitario e promover e incentivar o respecto polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais, sen distinción de raza, sexo, idioma ou relixión. Un soño. A lentitude en acadar eses obxectivos é extraordinaria. Porque os seres humanos atrincheirados en territorios, relixións, razas, historia ou Estados, non asumen a fraternidade un versal. En realidade, o principio de igualdade non se practica como supranacional senón a nivel interno de cada país. Nin aínda así é real. Pois ben, a ONU, despois da reunión entre o Papa Francisco e o Gran Imán de Al-Azhar, Ahmad al-Tayyib celebrada o 4 de febreiro de 2019 en Abu Dabi, que dou lugar ao documento titulado A fraternidade humana pola paz mundial e a convivencia común, estableceu cada 4 de febreiro como Día Internacional da Fraternidade Humana.

Esta conmemoración, impregnada de boísmo, enmárcase noutras iniciativas como a Declaración sobre a Eliminación de Todos os xeitos de Intolerancia e Discriminación Fundadas na Relixión ou as Conviccións, o Decenio Internacional de Achegamento das Culturas, o Programa de Acción sobre unha Cultura de Paz, o Día Internacional da Convivencia en Paz ou a Semana Mundial da Harmonía Interconfesional entre todas as relixións, confesións e crenzas. Son, no fondo, desexos con nomes ben soantes e rebordantes de magníficas intencións. Quizá nada máis. Pero semellan o camiño para entender que tratármonos como iguais significaría solucionar os problemas causados por uns aos outros, irmáns contra irmáns. Por exemplo, os árabes e os xudeus son xeneticamente frater germanus, irmáns: todos proceden da mesma poboación do antigo Oriente Medio, sen diferenzas. Pero a fraternidade entre todos os humanos, non só entendida como pobos con orixes físicos comúns, para non crear un bando contrario ten que ir máis alá: ser fraternidade universal. A realidade é outra e, por exemplo, Benoît Bréville, en Le Monde Diplomatique deste mes, coa editorial «Se as vidas valesen o mesmo...» fainos matinar nos casos de Rusia invadindo Ucraína e Israel a Palestina. Rusos e semitas, respectivamente, bótanlles a culpa a ucraínos e palestinos de obrigalos ao ataque. No caso de Rusia todo Occidente reaccionou adoptando sancións e embargos internacionais contra ela. Os Estados occidentais, a maior gloria dos seus fabricantes de armas, destinan miles de millóns de euros a remitiren armamento a Ucraína para que se enfronte a Rusia. Os palestinos non parece que teñan dereito a seren destinatarios de medios de defensa. A UE abriu as portas como refuxio para os ucraínos. Os desprazados palestinos amoréanse en campos de refuxiados, sen poderen saír. E, nestas, o vindeiro domingo a ONU celebra o Día Internacional da Fraternidade. Haberá que pensar en que será iso da fraternidade, aínda que xa está explicada. Mentres non se entenda que todas as guerras son fratricidios, —que vén de frater— non se diferenciará fraternidade da castelán «germanía». E a ONU seguirá a clamar no deserto, sen nin sequera poder obrigar a que as diversas germanías escoiten.