A xastra arousá Cloti Vaello, recoñecida polos actores galegos co premio de honra Marisa Soto

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES | EUROPAPRESS

09 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concedeulle a Cloti Vaello (Ribeira, 1955), xastra afincada en Vilagarcía, o premio de honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico. Únese así a unha longa lista de homenaxeados que inclúe, entre outros proxectos e figuras, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Lino Braxe. O galardón entregarase na gala dos premios de teatro María Casares, o día 30 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A asociación escolle a Vaello «por ser referente e ser pioneira, e por encarnar como poucas persoas a evolución da escena galega, dende o inicio da súa profesionalización en 1978 até os días actuais. En definitiva, Cloti Vaello é teatro en vida», proclama a AAAG, que con este recoñecemento pretende poñer en valor o esforzo crucial desas profesións que, sendo imprescindibles para a escena, se desenvolven lonxe dos focos e os aplausos.

Modistería e xastrería

Vaello formouse simultaneamente en dúas técnicas de costura dende os 13 anos, modistería feminina e xastrería masculina, encarreirando o seu oficio cara á creatividade do mundo da escena. Exerceu así durante 40 anos como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente. A súa agulla deixou pegada tamén en producións para a televisión e o cinema.

A arousá arrincou a súa traxectoria da man de Roberto Vidal Bolaño e César Lombera en 1979. Entre 1998 e 2008, formou parte do equipo de xastrería da Aula de Teatro da Universidade de Santiago e do Centro Dramático Galego. No CDG, Vaello realizou vestiarios en producións como Valle98 (1998), Se o vello Simbad volvese ás illas (1999), Daquel Abrente (2005) ou Noite de Reis (2008). Tamén traballou para as principais compañías privadas de Galicia, nos vestiarios de Matarile (Animales artificiales ou Truenos y misterios), Talía Teatro (Supermais, Xustiza infinita, Esperando a Godot ou Valentino Rufini), Teatro do Nororeste (Imperial Café Cantante ou Glass City), Sarabela Teatro (O heroe, Margar no pazo do tempo ou O cabodano) e Voadora (Super 8 ou Tokio 3).

Na danza, Vaello colaborou co Centro Coreográfico Galego, Cía. Quique Peón, Uxía P. Vaello e Borja Fernández ou D2. E para o audiovisual, en series como As leis de Celavella ou Libro de familia, en programas como Historias de Galicia, documentais como As irmás Fandiño ou películas como O Apóstolo. O seu amplo currículo complétase co traballo para outras aulas de teatro universitario como as de Lugo e A Coruña, o espazo de danza da USC e o vestiario de xigantes e cabezudos con César Lombera entre 1984 e 1992. Tamén realizou o vestiario no 2004 do Ordo Prophetarum da Catedral de Santiago. No 2010, levou un premio María Casares ao vestiario pola obra Bicharada, espectáculo de Berrobambán dirixida por Evaristo Calvo.